Prégase difusión:
Convite para participar no Congreso do Centenario de Hildegart
Rodríguez Carballeira (1914-2014)
A figura de Hildegart
Rodríguez Carballeira é unha das máis coñecidas da nosa historia
contemporánea. Sobre a súa persoa teñense feito películas,
novelas, obras de teatro e numerosos libros e traballos de
investigación. En todo o que se ten feito sobre ela paira a sombra
do seu tráxico fin e as circunstancias do asesinato pola man da súa
nai, a ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira; como consecuencia, a
súa traxectoria vital e o seu pensamento no eido da reforma sexual
ou da crítica política, ficaron en parte ocultos. Cen anos despois
do seu nacemento, o Ateneo Ferrolán tenta lembrar á Hildegart
sexóloga, xornalista, activista política ou feminista, coa
celebración dunha serie de actos de homenaxe e un congreso de
investigación que poña en valor a súa figura histórica e o seu
pensamento, todo o lonxe que sexa posible do sensacionalismo e da
superficialidade.
O cerne do Congreso é
o chamamento ás investigadoras e investigadores para contribuir cos
seus traballos a este comicio, que artellamos arredor dalgúns dos
temas que están presentes na obra de Hildegart Rodríguez
Carballeira e tamén sobre o contexto no que desenvolveu a súa
actividade:
- A figura histórica de Hildegart Rodríguez Carballeira
- Hildegart e a reforma sexual no primeiro tercio do século XX
- Hildegart e a oposición de esquerdas na II República
- As mulleres do tempo de Hildegart
O conxunto dos
traballos de investigación presentados e aceptados polo comité
científico do Congreso serán obxecto de presentación pública nos
días 6 a 8 de decembro de 2014 e serán publicados nas actas do
Congreso.
A celebración do
Congreso estará complementada por outras actividades como
exposicións, debates, cine e teatro, así como a celebración dun
acto público de homenaxe á figura de Hildegart Rodríguez
Carballeira. Tamén vanse facer publicacións e estamos preparando
unha páxina web sobre o Congreso e sobre Hildegart
(http://congresohildegart.ateneoferrolan.org/).
O conxunto de
actividades do Congreso quere servir para achegar ao público de todo
o mundo á historia e ao pensamento dunha das mulleres máis
destacadas da nosa historia: Hildegart Rodríguez Carballeira. E
malia fixar o obxectivo nunha única persoa, o Congreso quere
contribuir de xeito xeral á recuperación da historia do pensamento
feminino e dos movementos da liberación da muller no século XX.
Convidamos a todolas
investigadoras e investigadores que traballaran algún aspecto da
historia e do pensamento de Hildegart, así como os temas nos que ela
desenvolveu a súa actividade, a compartir os seus coñecementos co
público en xeral e coa comunidade investigadora, para tentar
recuperar e divulgar a figura de Hildegart Rodríguez Carballeira e o
seu pensamento. A data límite para presentar propostas de traballos
para exponer no Congreso é o 15 de setembro.
Eliseo Fernández
Presidente do Ateneo
Ferrolán
No hay comentarios:
Publicar un comentario